Grupos

O noso é un espazo amplo, pero o equipo é pequeno: somos dous.

Por iso, para nós, máis de seis persoas xa é un grupo e precisamos traballar cun menú previamente acordado.

É unha limitación, si. Pero tamén unha oportunidade.

A oportunidade de facer algo máis á medida. De pensar o menú para o voso grupo. E, sobre todo, de chegar, sentar e non ter que pensar en que tomar: iso xa está decidido. Só queda desfrutar da comida, do lugar e da xente coa que viñestes.

Para comezar a preparalo, necesitamos que no formulario nos contedes un pouco sobre o voso grupo: cantos sodes, que buscades, se hai algunha necesidade alimentaria ou algo que debamos ter en conta…

Con esa información, nós prepararémosvos varias propostas de menú. Se vos encaixan, seguimos adiante e poñémonos a traballar para que todo estea listo cando chegue o día.

De luns a venres

Para abrir ao mediodía para un grupo necesitamos un mínimo de 8 persoas e, sobre todo, tempo suficiente para poder preparar as propostas, que as escollades e nós organizar todo.

Se sodes 14 ou máis, durante a semana tedes ademais a posibilidade de facer a comida a porta pechada: o espazo só para vós.

Se sodes menos e vos apetece esa opción, tamén podemos falalo. Aquí hai cousas que se poden negociar. 😉

E as fins de semana?

Tamén por aquí.

Os grupos de fin de semana, de máis de seis persoas, xestiónanse igualmente a través deste formulario. A única diferenza é que facer unha comida a porta pechada é bastante máis complicado.

Pero o importante mantense: o menú tamén se pensa para vós.

E os menús?

Sempre temos varias opcións, incluída algunha proposta de menú vegano.

O funcionamento é sinxelo: o grupo escolle un único menú para todos. A partir de aí, podemos facer cambios e axustes para adaptalo ao grupo e tentar atopar ese menú que vos encaixe.

E hai algo máis.

Agora que o verán está a piques de rematar, pronto volverá un dos nosos menús máis especiais:

o Cocido de Porco Celta.

Un menú degustación completo, pensado para desfrutar sen présas e descubrir o porco celta

Unha desas propostas que, se sodes un grupo, ten aínda máis sentido compartir.

Imos alá?

Agora cóntanos ti

    Os datos persoais que me proporciones enchendo este formulario de contacto, serán tratados por O LAGAR EN EIRAS, S.L., sociedade propietaria desta web.
    A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais é para xestionar a solicitude que realizas neste formulario de contacto.
    Lexitimación: Consentimento do interesado (que estás de acordo).
    Como usuario e interesado infórmoche que os datos que me facilitas estarán situados nos servidores de VADAVO SOLUCIONES S.L. (provedor de aloxamento de O Lagar en Eiras) dentro da UE. Ver política de privacidade de Dinahosting S.L.
    O feito de que non introduzas os datos de carácter persoal que aparecen no formulario como obrigatorios poderá ter como consecuencia que non poidamos atender a túa solicitude.
    Poderás exercer os teus dereitos de acceso, rectificación, limitación e suprimir os datos escibiéndome a lagareiras@lagareiras.com así como o dereito para presentar unha reclamación ante unha autoridade de control.
    Podes consultar a información adicional e detallada sobre Protección de Datos na páxina web: https://lagareiras.com, así como consultar a política de privacidade.