Xa chegou o tempo escuro, os Defuntos, o Samaín. As colleitas xa están gardadas e a lareira prendida. É o final de colleita, na viña, no campo e na horta.

Lareira acesa no comedor de pedra de O Lagar en Eiras

Da horta xa está todo gardado. A cabaza leva uns anos xa convertida nun dos pratos principais: asada e logo rechea, con soia, para quen prefire non comer carne. Sinxelo e bo. A faba galaica vai acompañar o polbo nun prato de culler para os días que entran fríos — faba galaica con polbo, o outono nun prato. Os boniatos fai pouco que conquistaron as hortas galegas, pero vanse facendo sitio.

Este ano por primeira vez puxemos millo negro. Nunca o tiñamos cultivado. Non sabemos aínda moi ben que vai saír del, pero a idea é que pase a ser a fariña das empanadas que estamos facendo: a de pan de millo con recheo de cocido de porco celta pode saír moi ben. Xa o descubriras!

Cabaza asada e rechea, prato de outono de O Lagar en Eiras

E comeza outra colleita no monte, comeza a tempada dos cogomelos, que nos dan sorpresas agora aquí, agora acola. E algo que no pasado tiña nomes como pan de cobra e hoxe son manxares na mesa, nas nosas mesas tamén, somos devotos. Iso si, se ides a eles, sentidiño.

Cocido de porco celta de O Lagar en Eiras, O Rosal, Pontevedra

A caza xa está. A ensalada de perdiz en escabeche, a terrina de cervo con cogomelos, o lombo de xabarín con raíces e tubérculos.
Sen esquecerse do Cocido de Porco Celta! Vaia fartura!

En O Lagar en Eiras, no Rosal, os Muíños do Folón van recuperando a auga que o verán sempre lles quita. O monte cobre as cores do outono e a ribeira do Miño volve á tranquilidade despois de meses de xente e ruído. É un bo momento para vir por aquí.

Cogomelos coñecidos como peidos de lobo, aparecidos baixo as sobreiras do aparcamento de O Lagar en Eiras

Se vides a comer ou cear, reservade antes. A mesa está posta, agardamos por vos!

RESERVAR MESA